Bencomún e Esquerda Unida debateron a Carta de Compromisos e a proposta dunha candidatura cidadá progresista para o Senado
Yolanda Díaz saudou positivamente as accións de IBC e sinalou a necesidade de “repensar a esquerda colectivamente”
Bencomún e Esquerda Unida debateron a Carta de Compromisos e a proposta dunha candidatura cidadá progresista para o Senado
A Iniciativa continuará nas vindeiras semana os contactos con formacións políticas e colectivos e movementos sociais
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2011.- Iniciativa BenComún reuniuse este xoves cunha representación de Esquerda Unida para presentarlles e debater sobre a Carta de Compromisos pola Rexeneración Democrática e a proposta de conformación dunha candidatura cidadá progresista, presentada a pasada semana, para a que Bencomún solicita o apoio dos partidos galegos de esquerda.
Na xuntanza, que tivo lugar na Sede Nacional de Esquerda Unida, participaron Yolanda Díaz e Xabier Ron en representación de EU, e Xoán Hermida e Filipe Diez pola Iniciativa Bencomún.
Esquerda Unida valorou positivamente as iniciativas para a rexeneración democrática contidas na Carta de Compromisos e realizou novas achegas, principalmente no apartado de dereitos económicos, laborais e fiscais. Tamén recibiu con agrado a proposta de constituír unha candidatura cidadá progresista para o Senado, co obxectivo de conformar un Grupo Galego de esquerdas na Cámara Alta e de defender alí o Estado de Benestar, o autogoberno de Galicia e a democracia real.
Nas eleccións de marzo de 2008 o PP obtivo 12 dos 16 senadores elixidos en Galicia, gañando o PSdeG-PSOE os outros catro. Porén, a suma dos votos recibidos polos candidatos de PSOE, BNG e EU superou nas catro provincias os colleitados polos conservadores, obtendo a esquerda máis do 52% dos votos, pero só unha cuarta parte dos senadores. Unha candidatura unitaria da esquerda racharía a distribución actual e permitiría obter unha maioría de senadores progresistas.
A candidatura, que estaría formada por cidadáns de prestixio, e para a que se pide o apoio dos partidos galegos de esquerda, serviría non só para sumar os apoios agora dispersos, senón para multiplicar a forza da esquerda, como espazo para a confluencia entre os partidos e os sectores sociais progresistas. Para a formación federalista estes procesos de converxencia poden supoñer un “revulsivo para a esquerda deste país”.
Así mesmo, Yolanda Díaz saudou positivamente as accións desenvolvidas até o momento pola Iniciativa Bencomún, pois contribúe -dixo- a “repensar a esquerda colectivamente, na teoría e na acción política”.
Bencomún reuniuse a pasada semana cunha representación do BNG e nos vindeiros días manterá novos encontros con outras formacións políticas, coma o PSdeG-PSOE, e tamén con colectivos e movementos sociais.
