Convite ao debate sobre unha candidatura cidadá unitaria

20:34 in Uncategorized by BenComún

Iniciativa BenComún. Documento para o debate


Proposta: Candidatura Cidadá Unitaria de esquerdas ao Senado


1. A situación da esquerda galega.

A esquerda galega -entendida dun xeito amplo- e o nacionalismo atópanse, a ollos de cada vez máis xente, no mesmo estado crítico, aínda que a chegada a este estado crítico tivese lugar por causas diferentes.

A esquerda da órbita do PSOE asiste a unha falta de crédito crecente tras décadas de políticas neoliberais e de non ser máis ca unha marca electoral e a plataforma de políticos profisionais desvinculados das capas populares. O nacionalismo padece de igual perda de crédito debido á esclerose da súa principal organización, o BNG, parasitada desde dentro por unha estrura pechada que só busca a súa propia autorreproducción e illada, cada fóra, do resto da sociedade.

De xeito máis xeral toda a esquerda está en crise, en boa medida, pola aceptación acrítica das regras de xogo impostas polo sistema económico e político existente e por non presentar, tanto nas súas formas coma no fondo, verdadeiras alternativas.

Outras forzas son incapaces de facerse un espazo electoral mínimo para ter a influencia politica e insitucional que seria precisa nun marco máis plural.

2. Conxuntura política.

2.1. Ataque ao estado do benestar.

Se ben o ataque ao estado de benestar data de moito antes é agora, que asistimos ao rescate do sistema financeiro da súa quebra total por medio da intervención estatal (unha intervención que deixou as contas públicas da maior parte dos países en números vermellos provocando que os movementos especulativos do capital financeiro e as institucións de gobernanza económica internacional coma o FMI somentan a eses mesmos estados a unha exixencia de adelgazamento inmisericorde dos servizos sociais, sanitarios e educativos así como á adopción de políticas de contención do gasto público virulentas, caprichosas e irracionais), é agora, digo, que todas as melloras sociais conquistadas polas clases populares tras a segunda guerra mundial poden ser, a curto prazo, literalmente varridas do mapa.

2.2 Recentralización e cuestionamento do modelo de estado.

O armazón xuridico-político saido da transición tocou teito e con elo a constitución do 78, incluida a doutrina do café para todos consensuada polo PSOE e o PP nos primeiros anos da transición.

Se xa antes da crise era perceptible un movemento de fondo, sobre todo impulsado polo Partido Popular, tendente a recentralizar económica, política, ideolóxica e culturalmente o estado español a crise económica está a pór a excusa perfecta non só para pechar o desenvolvemento do estado autonómico senón mesmo para revertelo. Forzados a extender o modelo autonómico a 17 territorios para diluír as reivindicacións nacionais de só tres a dereita española aceptou unha proliferación de administracións, en moitos casos superpostas ás da caduca estrutura provincial, que agora é presentada por esa mesma dereita -e por algúns sectores do PSOE- como ineficiente, delbaldidora e lastrante. A mostra de que este clima ideolóxico está a impregnar cada vez máis ámbitos da sociedade española dánola a última sentenza do tribunal constitucional recurtando ata o desvirtuar un Estatut de Catalunya votado por abrumadora maioría no parlamento catalán e refrendado pola poboación dese país.

O repunte do centralismo español unido á cada vez máis frecuente colisión de lexitimidades entre as institucións e poboacións vascas e catalás por unha banda e as institucións e poboación do estado español, pola outra, ben pode dar, co tempo, nun reprantexamento global do estado autonómico que busque distintas vías para o que hoxe son territorios (malia a separación nominal entre nacionalidades e rexións) considerados como realidades políticas equiparables. Neste contexto, o noso país asiste a un ataque brutal por parte da dereita que hoxe goberna as súas propias institucións.

A debilidade do nacionalismo motivada, en certa medida, polas causas analizadas no punto 1, así como a ausencia de proxecto nacional do PSdG e a febleza a sociedade civil galega están permitindo que esta nova onda recentralizadora penetre no noso país até o punto de pór en serio risco o status de Galicia como nacionalidade histórica e de facer prever unha sucesiva merma do seu autogoberno -e con ela dos seus sinais de identidade- que nos leve á extinción como cultura e sociedade diferenciada viable. Ante esta situación cómpre activar unha defensa clara do país, da súa lingua e cultura, das súas institucións de autogoberno e das súas aspiracións nacionais.

2.3. A emerxencia da cidadanía.

Como causa e efecto da percepción social dos partidos políticos como ferramentas enferruxadas, asistimos, cada vez de xeito máis nítido, á emerxencia dunha cidadanía activa que demanda de novos espazos de expresión que canalicen as ansias de participación nas decisións políticas. Esta emerxencia cidadá tivo a súa expresión concreta no chamado movemento 15M. Se ben outros movementos exclusivamente galegos, coma Nunca Máis, xa anunciaban o xurdimento desta nova cultura política participativa e cidadá que procura unha mellora na calidade da democracia.

2.4. A fin dunha etapa.

A contracción espacial do mundo, a consciencia de vivirmos nun lugar pequeno poboado por millóns persoas que demandan a mesma calidade de vida ca nós, o camiño a ningures ao que nos ten conducido a lóxica económica neoliberal, á consciencia da escaseza dos recursos e da gravidade ambiental, etc., empúxannos, de xeito cada vez máis acuciante, a pensar en verdadeiras alternativas a un modo de vida insostible e contrario ao noso benestar.

3. A proposta de BenComún.

BenComún, iniciativa cidadán que ten coma un dos seus obxectivos actuar coma ponte entre esa cidadanía crítica e consciente da desactualización das actuais organizacións partidarias e a instancia política na que se toman as decisións dá un paso adiante propondo unha candidatura cidadá ao senado como primeira exploración de novos camiños para a construción dunha verdadeira esquerda nacional. Esta candidatura sería unha candidatura cidadá plural sen cotas partidarias, contando o apoio electoral da esquerda partidaria para conseguir crear un grupo galego e de esquerdas no senado -arrebatando á dereita a hexemonía na representación galega.

Para conformar a candidatura propomos os seguintes criterios:

  1. Que estea encabezada por persoas referentes éticos e políticos amplos;

  2. Que haxa paridade entre homes e mulleres;

  3. Que haxa persoas respectadas tanto polo mundo PSdG do BNG e de EU;

  4. Que haxa persoas respectadas polos movementos sociais;

  5. Que haxa persoas respectadas por outros sectores da esquerda e do nacionalismo.

A candidatura proporá centrar os seus esforzos na defensa dun programa simple baseado na defensa do estado do benestar e do autogoberno galego. Programa simple que, ao mesmo tempo, deberá ser enmarcado nunha estratexia de máis longo alcance tendente a procurar a reorganización da esquerda nacional con criterios abertos e participativos, a profundización democrática nas institucións e a exploración de novas vías e discursos alternativos que nos permitan superar a aceptación resignada das reglas económicas e políticas imperantes. Neste sentido, ese grupo cidadán avogaría, a un tempo, por defender ese programa simple e por facer pedagoxía para explicar a necesidade desoutros obxectivos máis ambiciosos.

Unha vez conformada a candidatura e feitos os primeiros contactos nas distintas forzas partidarias para tantear impresións habería que encetar a difusión da nosa proposta, pois o valor da mesma estribará máis na nosa capacidade para que este debate sobre os partidos, a democracia, o ataque ao estado do benestar e ao autogoberno, a necesidade de pensarmos en alternativas ao existente, etc., ocupe a axenda mediática e política provocando que os partidos aludidos e conminados a daren o seu apoio a esta candidatura sintan a necesidade de se expresaren en público sobre a mesma e sobre as súas propostas.

4. O que podería significar esta proposta.

Se a presentación desta candidatura acadase ese obxectivo de colarse na axenda política e mediática xa sería un éxito porque evidenciaría o seguinte:

  1. Hai unha cidadanía activa que superou a etapa da queixa e se atopa xa na etapa da acción política.

  2. A esquerda non nacionalista, en especial ao PSdG obligarialles a construir un proxecto nacional centrado en Galicia. Ademais o PSdG escoitaría como unha iniciativa cidadá, cuxo discurso e maneiras pode calar en parte das súas bases, lle di que non pode continuar implementando políticas de dereitas e antigalegas.

  3. Ao nacionalismo obligarialle a unha apertura necesaria. A idea da nación galega non é só cousa do nacionalismo organizado arredor do BNG senón que tamén é reivindicada desde a sociedade civil.

  4. Este tipo de candidaturas poderían ser un veículo para que os movementos sociais puidesen colocar a interlocutores da súa plena confianza nas institucións, de xeito que as súas propostas entrasen nas mesmas.

  5. A aparición desta candidatura cidadá podería significar o inicio da creación dun polo potente e transversal de defensa dos dereitos adquiridos e tamén a aparición ilusionante dunha nova esquerda alternativa que non se resigna a ser o escudo do sistema contra o descontento social e a ruína ecolóxica que xera o capitalismo.


    *  *  *  *  *

    Para contribuír coas túas suxestións, críticas, emendas ou calquera outra achega, ofrecémosche catro vías: (1) nos comentarios a esta entrada; (2) por e-mail; (3) no grupo de Facebook; ou (4) na nosa conta en Twitter.

1 Comment »