Bencomún denuncia a “claudicación da democracia fronte ao poder económico” decretada polo Goberno de Zapatero
20:10 in comunicados by BenComún
EDITORIAL
Bencomún denuncia a “claudicación da democracia fronte ao poder económico” decretada polo Goberno de Zapatero
IBC solicítalles a todos os grupos políticos que se pronuncien sobre a reforma constitucional pactada por PSOE e PP e esíxelle ao candidato Rubalcaba que se desmarque de medidas neoliberais que só contribuirán a eternizar a crise e o desemprego e que suporán un golpe de graza ao Estado do Benestar
Se algo quedou marcado a sangue e lume na memoria política española durante a «belle epoque» da burbulla inmobiliaria na que a economía «ía ben» e só o pesadelo dun encaixe territorial nunca ben asentado emerxía de cando en vez en forma de Plans Ibarretxes, Estatuts de Catalunya ou Estatutos de nación é que a Constitución do 78 era intocable e que calquera reforma debía facerse de xeito moi meditado e contando cun amplo consenso social. Mais hoxe, que as vacas noutrora gordas enmagrecen ao mesmo ritmo en que enmagrece calquera atisbo de soberanía popular nos estados europeos, asistimos ao anuncio do presidente do goberno José Luis Rodríguez Zapatero da súa vontade de reformar a constitución para establecer, tal e como lle marcaron a presidenta de Alemaña Angela Merkel e o presidente de Francia Nicolás Sarkozy (países, ambos, nos que se domicilian os maiores bancos dos que o tesouro español é debedor), un teito tope ao déficit público contraíble polo Estado.
A nivel formal, este episodio é unha claudicación da democracia como non vimos nos últimos tempos, na que o presidente dunha lexislatura esgotada e con data de caducidade asume o último sacrificio para contentar ao poder económico (auténtico soberano sen escrutinio democrático) por medio dunha reforma exprés sen publicidade, sen debate e sen referendo popular. Isto é, un auténtico golpe de estado de salón.
Sabiamos que o rescate encuberto a España e Italia levado a cabo recentemente polo BCE ía ter repercusións inmediatas na política estatal, o que non sabiamos é que un presidente cos días contados ía facerlle o traballo a un Mariano Rajoy que aplaude coas orellas ante unha reforma que significará, de facto, elevar a ideoloxía neoliberal a precepto constitucional. Porque non outra cousa significa cuestionar a capacidade do estado para asumir débedas cando a conxuntura así o demande. Semella, de feito, como si xa se iniciara o traspaso de poderes: o PSOE primeiro renunciou ás políticas de esquerda e agora aplica as políticas do PP, primeiro foi no ministerio de Interior e agora no de Economía e Facenda.
Ademais de ser unha medida que cuestiona a capacidade das institucións públicas para adoptaren as políticas económicas que cada maioría democrática parlamentaria estime necesarias é unha medida que culpabiliza ao sector público de desmáns atribuíbles ao sector privado, pois non debemos esquecer que foi a banca a que asumiu riscos que non podía sufragar e que estes foron despois endosados ás contas públicas.
Temos presente que o texto constitucional do 78 era xa bastante renitente a dar a voz á cidadanía, de aí que no seu artigo 167.3 só estipule o mecanismo de referendo popular cando así o demande unha décima parte dos membros do Congreso ou do Senado. Malia isto pedir a celebración dun referendo debería ser unha obriga moral non xa para quen se teña por progresista senón tamén para quen se teña por minimamente demócrata. Co reparto de escanos actuais e tendo en conta que algúns partidos como Convergencia i Unió ou UPyD non se amosan desconformes con esta reforma, semella imposible que se vaia producir ese referendo grazas unicamente aos votos das minorías parlamentares. Por iso, desde Iniciativa BenComún pedimos a todos os grupos políticos que se pronuncien sobre o tema e esiximos ao candidato Rubalcaba que se desmarque deste tipo de medidas neoliberais que só contribuirán a eternizar a crise e o desemprego e que suporán un golpe de graza ao Estado do Benestar. Así mesmo, esiximos aos deputados do PSOE no Congreso e no Senado que non neguen á cidadanía o dereito a votar se desexan ou non dita reforma.
Desde Iniciativa BenComún convidamos ao electorado e á militancia do PSdeG-PSOE, dos que estamos convencidos que rexeitan maioritariamente tanto a reforma como o xeito en que se pretende impor, a que demanden dos seus líderes un comportamento acorde aos principios que din defender e a que esixan a súa dimisión se non atenden a voz da cidadanía.

Comments