BenComún lamenta o pouco interese das forzas políticas polas propostas de renovación e converxencia
16:15 in comunicados by BenComún
Iniciativa BenComún abordará coa esquerda social e os movementos de indignad@s extratexias de cambio real
A Iniciativa BenComún (ICB), posta en marcha hai catro meses por un grupo de persoas preocupadas polo rumbo da esquerda partidaria e ocupadas en restablecer as canles entre a mesma e a cidadanía, fixo na última xuntanza da súa comisión dinamizadora un balance do seu traballo e marcouse novas liñas de actuación para antes do 20-N.
A Iniciativa tivo unha acollida máis que positiva, con máis de 350 adscritos ao manifesto fundacional, proba da desafección que existe coas forzas políticas desde a sociedade civil e da necesidade dunha profunda renovación e rectificación por parte das mesmas se queren recuperar o crédito perdido.
De feito, nese traballo por recompoñer as canles de relación entre partidos e cidadáns, ICB formulou dúas iniciativas para presentar ás forzas políticas da esquerda durante este último período: a “Carta de compromisos pola rexeneración democrática” e a “Iniciativa por unha candidatura unitaria e cidadá da esquerda e do galeguismo”.
As propostas foron presentadas a BNG e EU, mentres que lamentablemente o PSdeG, ata a data, non foi quen de buscar un oco na súa apretada axenda para poder recibir a unha delegación de BenComún.
A comisión dinamizadora de BenComún valora positivamente que tanto BNG como EU amosaran unha case total coincidencia coas 46 propostas presentadas por ICB, aínda que lamenta que sexan precisamente as propostas máis rexeneradoras (limitacións de mandatos, eleccións en primarias das candidaturas ou listas desbloqueadas) as que foran acollidas con menor entusiasmo ou directamente rexeitadas. ICB fará unha análise dos programas electorais con que os partidos se presentas ás eleccións do 20-N para ver cales dos compromisos asumidos por BNG e EU con recollidos e cales non.
Canto á proposta unitaria cidadá ao Senado, ICB lamenta que as forzas políticas a rexeitaran alegando distintos aspectos e particularmente parécenos pouco serio que o PSdG o fixera público sen tan sequera recibir a proposta.
Ben é certo que o adianto electoral e as políticas aplicadas polo PSOE na última etapa de goberno non facilitaban un entendemento, pero non o é menos que ao tratarse dunha candidatura cívica, apoiada polos partidos, e baixo un programa de defensa dos dereitos sociais e nacionais, do Ben Común, sería de esperar a xenerosidade e intelixencia suficiente por parte de todos para levalo adiante.
Nese senso, BenComún valora moi satisfactoriamente o posicionamento de apoio á iniciativa unitaria do Senado por parte de personalidades da cultura galega e tamén da Mocidade Nacionalista Galega (MNG), que amosan que outras formas de entender a política son posibles.
A comisión dinamizadora de BenComún vai dedicar este período que falta ata o 20-N a tomar contacto e reunirse con organizacións da esquerda socia e colectivos do movemento de indignad@s para preparar conxuntamente, con aqueles que queiran, un ENCONTRO SOCIAL para o sábado 29 de outubro, onde poder analizar a situación de ataques ao dereitos sociais e cidadáns e perfilar unha estratexia común.
Comisión dinamizadora de ICB, 4 de outubro de 2011.
